Xa levamos dúas
longas reunións coa empresa, nas que analizamos completamente toda a plataforma
de negociación que no seu momento elaboramos entre todos. A postura da empresa
está sendo moi distinta á de anteriores negociacións e xa deixou claro que a
súa intención é pactar algo “moderado”, sen ter en conta para nada nin as nosas
reivindicacións nin a excelente situación económica pola que atravesa a empresa
nin, claro está, a penosidade que supoñen para nós unhas obras mal planificadas
e a eterna pésima organización do traballo. Cantos anos levamos sen un sistema
de rotacións cabal e que poidamos facer respectar? Pero para eles todo iso non
inflúe para NADA na negociación.
É traballo de
todos facer que cambie de postura.
Xulgade vós mesmos. Isto é o que ofrecen:
- Pacto a 3 anos cunha suba do 2% cada ano. Esta porcentaxe é global e incluiría calquera demanda nosa que supoña cartos á empresa.
- Aumento de pluses: NADA.
- As horas extras poderían compensarse en tempo, mais cando a eles lles dese a gana.
- Redución de xornada anual: NADA.
- Aumento a 45 min. do descanso na tarde e na noite: NADA.
- Eliminación ou redución de sábados: NADA.
- Mellora no sistema de vacacións: NADA.
- Cambios de quenda entre traballadores: aceptado, pero ten que ser por semanas completas.
- Fins de semana longos: NADA.
- Cambio do horario de entrada en Carga: NADA.
- Posibilidade de pasar a 1.540 horas escollendo a rotación tarde-noite: aceptado, pero só para cubri-las posibles vacantes que se vaian producindo en Carga.
- 24 e 31 de decembro non laborables: NADA.
- Permisos: aceptaron aumentar a 6 os días por nacemento de fillo, a posibilidade de utiliza-los días de asuntos propios fraccionados en horas (cun mínimo de 4 horas) e o día seguinte a asistencia a unha mesa electoral. Do resto, NADA.
- Do relacionado con Seguridade e Saúde non contestaron aínda.
- Mellora nas axudas sociais e resto de reivindicacións: NADA DE NADA.
- Aceptarían un plano de pensións, pero as cantidades que tivese que achegar a empresa deduciríanse da suba do 2% que ofrecen.
- En canto a xubilacións anticipadas ou calquera sistema semellante non hai nada concreto. Presentamos varias alternativas que a empresa aínda non contestou.
Ante esta
situación, na que en só dúas reunións parece que a negociación está
practicamente bloqueada, cremos que é imprescindible a primeira ASEMBLEA XERAL para decidir as medidas
a seguir.
ASEMBLEA
XERAL DE TRABALLADORES/AS
Mércores,
17 de novembro
11:30
e 18:30
EDIFICIO
DOS SINDICATOS NA CORUÑA (Avda. de Alfonso Molina)